As liñas U1 e U2 amplían os seus percorridos a partir do próximo 18 de febreiro, con tres novas viaxes á primeira hora da mañá, a creación de dúas novas paradas en Gran Vía e tres novos puntos de recollida.
A liña U1, que iniciaba o seu percorrido en Praza de América, arrancará agora de dous novos puntos de saída: Bouzas (Igrexa) ás 08:12 horas e seguirá por Camilo Veiga; e Navia (Teixugueiras, 29) ás 08.04 horas e continuará por Coia (Porriño, 9) e Avenida de Castelao.
U2 realizará ás 08.02 horas unha nova viaxe, iniciando percorrido en García Barbón, 126 e realizando o seguinte traxecto: Sanjurjo Badía – Buenos Aires – Travesía de Vigo – Pizarro – Avda. Madrid – Universidade.
Ademais, créanse dúas novas paradas en Gran Vía que estarán en funcionamento a partir das 09.07 horas no caso da U1 (Gran Vía, 142) e das 08.00 horas no caso da U2 (Gran Vía, 151) para recoller aos usuarios.
Outra das novidades do servizo é que, nas viaxes de regreso do campus, a U1 prolongarase ata Praza de España e a U2 continúa ata as inmediacións de Praza de América.