O presidente de Renfe alegou que se produciu unha serie de contratempos e que algunha información perdeuse para explicar o feito de que a empresa que preside tardase case oito meses en entregar ao xuíz que instrúe o caso de Angrois a documentación que este requiriulle.
Pablo Vázquez respondeu así ás preguntas sobre este extremo da deputada do BNG Rosana Pérez na subcomisión do Congreso para a mellora do sistema ferroviario, creada, precisamente, logo do accidente do Alvia o 24 de xullo de 2013, cando morreron 81 persoas.
As reunións desta subcomisión parlmentaria, ainda que é dentro do Congreso, no que están os representantes dos cidadáns, celébrase a porta pechada e, por iso, a marxe dos deputados que forman parte dela-e na que o Partido Popular ten a maioría– ninguén máis tivo ocasión de escoitar o que dixeron nela 40 comparecentes.
Este martes, en concreto, acudiron á mesma tanto o responsable de Renfe como o secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño; despois de que o pasado mércores o fixese o responsable máximo de Adif, Gonzalo Ferre, quen se negou a contestar cuestións sobre o sinistro por respecto á investigación xudicial en curso.
A deputada nacionalista preguntou ao presidente de Renfe polo que tardou a súa compañía en achegar o certificado que acredita as capacidades psicofísicas do maquinista que aquel día conducía o Alvia, Francisco José Garzón – logo de que o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago apercibise á operadora de desobediencia-.
Rosana Pérez tamén quixo saber sobre a investigación interna que a empresa pública se comprometeu a realizar días despois do descarrilamento na Grandeira, ao que o responsable de Renfe respondeu que o informe xa está rematado e obra en poder do xulgado.