O 061 asistiu durante a fin de semana a 49 persoas debido a 38 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende a 3 da tarde do venres ata preto da medianoite deste domingo. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o venres e o domingo con 13 accidentes respectivamente.
A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 51 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 38 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 49 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 65 e 35 %, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 32 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos. Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 18 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 52. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a catro sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 40 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en catro ocasións. As ambulancias convencionais mobilizáronse en catro ocasións.
En 42 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en cinco ocasións foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e dúas persoas faleceron no lugar do sinistro a pesar dos esforzos sanitarios.