Cultura

Parabéns, Rosalía

O doodle de Google, adicado este martes a Rosalía no seu cumpreanos

A Fundación Rosalía de Castro celebrará este martes o 178 aniversario do nacemento da poeta-hoxe protagonista do doodle de Google- cunha ofrenda floral en Santiago e un acto na súa Casa-Museo de Padrón, que estará protagonizado pola música de Najla Shami e a poesía.

A fundación aproveitará este acto para presentar a edición en formato libro-CD do proxecto ‘De Cantares hoxe’, en colaboración coa Radio Galega, que reúne os poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou en ‘Cantares Gallegos’.

Para iso, algúns dos artistas participantes lerán en padrón os seus textos. No acto intervirán tamén as críticas literarias Ana Salgado e María Xesús Nogueira e pecharase coa actuación musical de Najla Shami, compositora galego-palestina que publicou en 2013 o libro-disco ‘Na lingua que eu falo’, no que traballa sobre a obra de Rosalía.

Como xa é tradicional, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, realizará unha ofrenda floral na estatua de Rosalía na alameda de Santiago, un acto no que está previsto que participe o alcalde compostelano e o de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

 

También te puede interesar