Os tres membros do Comité de Persoal de Povisa que este martes iniciaron unha folga de fame para reclamar a readmisión dos 13 compañeiros despedidos, pasaron a primeira noite no interior das instalacións do hospital privado, que non teñen pensado abandonar até que a empresa dea marcha atrás ás rescisións de contrato.
A primeira hora da mañá deste mércores, a dirección do centro médico interesouse polo seu estado de saúde e amosouse disposta a negociar, “nós dixémoslle que tamén queremos dialogar e pedímoslle que retirasen os despidos para sentarnos a falar, ao que non responderon”, explicou a presidenta do comité, Chus Neira, unha das participantes no xexún.
Os empregados de Povisa seguen a reclamar a intervención do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e da Consellería de Sanidade no conflito laboral e lembran que “o hospital incumpre o concerto coa Xunta ao non manter os ratios de persoal esixidos, o que está a afectar á calidade asistencial”.
Neste senso, a delegada da Xunta en Vigo, nunha xuntanza con membros do Comité de Persoal comprometeuse a pedir unha xuntanza “urxente” coa dirección do hospital para tratar sobre unha posible solución que, segundo o propio Comité, ten como unha das condicións indispensables para iniciar as negociacións “a retirada dos despidos”.