
A Asociación Ponte Solidario, lamenta, nun comunicado, que o alcalde de Ponteareas decidise, sen máis, dar por terminado o Pleno do Concello, este martes e lembra que a suspensión prodúxose cando se falaba sobre un informe de mínimos no eido social.
Ponte Solidario indica que estaba no Pleno “por xustiza social, para que os veciños e veciñas de Ponteareas teñan as necesidades máis básicas cubertas a través da administración pública con principios solidarios e non caritativos”.
A asociación subliña que presentouse unha moción para debater e aprobar no Pleno Municipal, o Informe de Mínimos, “documento que recolle as necesidades básicas que toda persoa debe ter cubertas para unha vida digna”, e para que poida traballarse nese camiño, “propoñemos unha Mesa Social aberta que garanta un traballo permanente e dedicado no eido social, cuns obxectivos marcados”.
Dende o equipo de goberno, “co alcalde Salvador González Solla á cabeza, e dende o grupo ACIP”, opuxéronse co seu voto en contra á creación dunha Mesa Social, mentres que “a oposición e a Asociación Ponte Solidario insistiron para que os grupos PP e ACIP reconsiderarán a súa postura”, tentando votar unha emenda de Ponte Solidario para esa Mesa Social, que “se axustaba ó que o goberno alegaba como necesario para cumprir coa legalidade e poder votar a favor”.

Ponte Solidario sinala que “a oportunidade de debate esgotouse cando Salvador Gónzalez suspendeu abruptamente o Pleno Municipal e rematou co intento de aprobación de proposta algunha, sen máis explicacións que unha mirada cara outro lado”.
Pola súa banda, os concelleiros do BNG, que tamén pasaron a noite no Concello, acusan González Solla de “covarde” e de “carecer de dignidade para exercer a alcaldía de Ponteareas”. O seu voceiro, Xosé Represas, lembra que a suspensión produciuse logo de que o Alcalde se negase a votar conxuntamente todos os apartados da moción de Ponte Solidario como pedía o colectivo e reclamou o portavoz do BNG. “Esta situación provocou un enfrontamento entre o propio alcalde e Represas, quen tachou a Solla de covarde ao levantar o Pleno e impedir chegar a un consenso”.