É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másRedondela lembra a sentenza de marzo de 1985, a primeira en galego dende a Idade Media
O Concello de Redondela lembrou este martes o 30 aniversario da primeira sentenza redactada en galego dende a Idade Media. Nun acto ao que asistiron representantes da cultura, a xudicatura e o dereito de Galicia, o alcalde, Javier Bas, descubriu unha placa na entrada do Concello, no que se recoñece o “valor” dos tres maxistrados da Audiencia Provincial de A Coruña que, a petición do propio concello redondelán, emitiron, o 27 de marzo de 1985, a primeira sentenza en galego dende 1228.
A placa, como subiñou o alcalde, lembrará, “para sempre” a sentenza que “marcou o rexurdimento do galego no eido xurídico, que volveu ao regalegización da xustiza e que é exemplo da senda que temos que seguir e que ten que levarnos a normalizar o uso do noso idioma en todos os ámbitos”.
Aquel 27 de marzo de hai 30 anos, os xuices Ricardo Leirós, Claudio Movilla e Gonzalo de la Huerga, realizaron “un acto de valentía”, como lembrou a viuva do xuiz Movilla, Elisa Polanco. Pola súa parte, Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas, concello no que se redactara no 1228 o primeiro documento notarial en galego, o Foral do Burgo da vila, e lugar natal do xuiz Movilla, adiantou que o 11 de abril honrara a este maxistrado-que xa ten unha rúa e un monolito na súa memoria- cunha placa na casa na que naceu.
“Entre os tres, creímos que chergara o momento de facer unha sentenza en galego…que ainda que era sobre algo menor…unha licenza municipal…sí tería unha trascendencia importante”, asegurou a vigoalminuto o xuiz Gonzalo de la Huerga, presente no acto. O maxistrado salientou a importancia do feito que fose o Concello de Redondela quen pedise que a sentenza fose en galego e lembrou a “estupefacción” que causou a sentenza redactada en galego, “a primeira en 5 séculos…a primeira que se facía no nosos idioma dende a Idade Media…chagaron a decirnos ¿isto vai a ser así dende agora?”, bromeou.
Para o xuiz De la Huerga o desenvolvemento do galego no eido xurídico e xudicial é “sen dúbida, ainda insuficiente”, pero considera que “estamos dando pasos para que o seu uso sexa algo completamente normal”.