Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A Xunta organiza catro novas rutas ao Parque das Illas Atlánticas, do 6 de abril ao 2 de maio

Peirao de Cíes/Tresyuno Comunicación
Peirao de Cíes/Tresyuno Comunicación

A Consellería de Medio Ambiente organiza catro novas rutas e visitas guiadas gratuítas aos arquipélagos do Parque Nacional Illas Atlánticas, baixo o lema ‘Descubrindo o Parque Nacional’. Este programa comezou no mes de febreiro ofrecendo cinco rutas guiadas, pero debido ao éxito da iniciativa decidiuse ampliar con catro actividades máis durante o meses de abril e maio.

A primeira das actividades, que leva por título “Unha viaxe no tempo”, está organizada para o sábado 11 de abril e o destino é o arquipélago de Cíes. Trátase dunha ruta lineal de 2 quilómetros, na que poderán participar un máximo de 20 persoas. A previsión é saír do porto de Vigo ás 10 e media da mañá e estar de volta ás 6 da tarde: as persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 6 de abril.

As outras tres rutas son os seguintes sábados: o 18 de abril ao arquipélago de Ons, o 25 de abril a Sálvora , e por último á illa de Cortegada o 2 de maio.

O modo de reservar praza representa unha novidade neste programa: as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán reservar a súa praza a través da web da central de reservas que ten habilitado o Organismo Autónomo de Parques Nacionais, lugar onde están centralizadas todas as actividades que se ofrecen en tódolos Parques Nacionais de España.

O enlace web é www.reservasparquesnacionales.es: no apartado específico do PN Illas Atlánticas, aparece un listado das actividades ofertadas, así como unha lista de espera para cada unha das rutas. Cada persoa poderá reservar e participar nunha soa ruta. Tamén poderase cubrir dita solicitude acudindo á sede do Parque Nacional (rúa oliva 3, Vigo).

Aqueles que teñan idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos deberán ir acompañados dun adulto, e por cada adulto participante, admitiranse como máximo dous menores ao seu cargo.

A actividade será gratuíta na illa, pero cada persoa participante debe asumir o custo do transporte ao arquipélago, que deberá ser abonada antes de comezar o servizo. O transporte ao peirao de saída corre a cargo dos participantes.

No caso de non poder asistir á actividade deberase anular na mesma web de central de reservas onde se fixo a reserva e como máximo o mércores anterior a cada ruta, co fin de poder chamar a outras persoas interesadas que se atopen na lista de espera.

Co ánimo de preservar os valores das illas e ofrecer unha atención o máis personalizada posible, estipúlase un número máximo de participantes. Tamén se advirte que a excursión pode adiarse ou quedar anulada se as condicións meteorolóxicas son adversas.

También te puede interesar