O presidente do goberno galego asegurou este mércores que os hospitais galegos dispoñen dos medicamentos para tratar a hepatite C e que, inmediatamente, empezarán a citar aos pacientes que se axusten aos criterios do plan estatal de loita aprobado contra esta enfermidade.
“Hai medicamentos, as axendas dependen de cada hospital e cada hospital empeza xa a citar directamente eses pacientes”, subliñou o presidente Feijóo, ao termo do Consello da Xunta. O xefe do Executivo fixo estas declaración un día despois de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) informase de que dende este mércores se aplicarán os criterios do plan estratéxico fronte á hepatite C do Sistema Nacional de Saúde (SNS), aprobados na reunión do pasado 26 de marzo.
Segundo a Xunta, o Sergas xa transmitiu as instrucións aos distintos hospitais, ao tempo que puxo a disposición dos profesionais a plataforma web que servirá de ferramenta para o rexistro de pacientes.
Sobre as queixas de especialistas de Vigo por non contar con ferramentas tecnolóxicas para receitar o ‘Sovaldi’, Núñez Feijóo asegurou descoñecer esa cuestión e replicou que, “salvo caídas” do sistema, as instrucións “son as mesmas” en todos os hospitais galegos.
O presidente indicou que enterábase do problema non mesmo intre no que un xornalista preguntoulle por él e afirmou que daría traslado do mesmo ao Sergas “que o verá”.