Galicia

A economía galega, “menos sólida e máis lenta” que a do Estado na saída da crise, non crea emprego

ProductividadeA economía galega acumula catro trimestres consecutivos de crecemento pero o feito de que o incremento sexa “moito menor que o do Estado”, que pechou 2014 cun aumento do Producto Interior Bruto (PIB) do 1,4%, fronte ao 0,4% de Galicia, contrarresta a “sensación” de recuperación económica.

Iso foi o que afirmou, este xoves, o economista e ex presidente do Goberno galego Fernando González Laxe, coordinador do quinto informe de conxuntura socioeconómica que o Foro Económico de Galicia presentou en Compostela.

Na devandita recuperación, a economía galega “non segue a española, vai máis devagar e presenta menos solidez”.

Este escenario, segundo advertiu, leva á conclusión, no apartado do mercado laboral, de que o PIB galego “ten que crecer moito máis para xerar emprego”.

Outra das principais advertencias lanzadas por esta plataforma é a relativa á produtividade: cae en Galicia, o que revela un problema “de concepción ou de funcionamento”.

Segundo González Laxe, da crise, “que deixou pegadas profundas, secuelas e gretas que esixen reparación”, sáese a través de modelos, cun cambio de produtos, valores ou funcionamento; ou fortalecendo a propia dinámica interna.

Para o Foro Económico de Galicia, “os modelos non están a responder, e faise preciso buscar outros máis consolidados”, sobre unha industria potente, empresas de maior tamaño e con maior inversión para gañar competitividade no mercado exterior.

También te puede interesar