Un xurado popular declarou, por unanimidade, “non culpable” o alcalde de Pontecesures e ao encargado de Obras deste municipio pontevedrés, Xurxo Gerpe Jamardo, dun delito de malversación de fondos públicos.
Manuel Luis Álvarez Angueira fora acusado por un antigo socio de goberno, o daquela concelleiro da Agrupación Cidadá de Pontecesures (ACP) Luis Ángel Sabariz, de utilizar recursos do concello para pagar facturas de gasolineiras: exactamente afirmaba que o alcalde cargara este consumo ao vehículo municipal para traballos no concello durante catro anos, entre 2003 e 2006.
Por este suposto sobrecoste para as arcas municipais que un informe pericial estimou en 6.822 € a acusación particular pedía 3 anos de prisión e 10 de inhabilitación.
O veredicto do xurado considera por unanimidade como “non probado” que os acusados “destinasen a usos alleos á función pública” o diñeiro pagado na gasolineira. Así mesmo, cre “non probado” que o alcalde nacionalista “subtraese combustible do vehículo municipal”.