A Oficina de Dereitos Sociais de Coia denuncia que na actualidade, en Vigo, estanse tramitando solicitudes da Renda de inclusión social de Galicia (RISGA) presentadas en decembro de 2014, un atraso que, indica esta asociación nunha nota oficial, “hai que engadir á demora na tramitación por parte dos servizos sociais do Concello” o que supón que as persoas que a necesitan “teñan que agardar máis de un 1 ano para poder cobrar”. Oficina de Dereitos Sociais de Coia subliña que o Goberno de Galicia e o de Vigo “están a incumprir os prazos máximos de resolución marcados por lei, que non poden exceder os 3 meses dende o momento da solicitude”.
A este feito, indica, hai que sumar que a nova lei deixa fora do dereito á renda de inclusión a cidadáns da Unión Europea que “non acrediten residencia legal”: para poder acreditar esa residencia legal se esixe contar con ingresos económicos, “incompatibles á súa vez, coa percepción da Risga, o que, na práctica, está a supoñer que non se outorgue esta axuda a cidadáns da UE”.
Ademáis, hoxe é “imposible” que varias persoas que vivan nun piso compartido cobren esta axuda, “a Xunta aplica agora o criterio: unha Risga por domicilio, aínda que sexan unidades familiares con rapaces a cargo”. Tamén é imposible solicitar a Renda de Inclusión “se tes un emprego precario” xa que, se no momento de presentar os papeis o solicitante non está no paro, non hai posibilidade de optar a ela, á marxe de que a precisa “teña un emprego precario, a tempo parcial ou cun salario inferior á contía que pide”.
Tamén péchase, denuncia esta ONG, a posibilidade de solicitar a Risga se no momento de facelo o solicitante xa percibe algunha axuda, “era moi habitual que perceptores de Renda Activa de Inserción (RAI), de 426 € -que se cobra 11 meses-, iniciasen a tramitación da Risga con varios meses de antelación a que finalizase aquela, para tratar de no quedar ningún mes sen ingresos; o cal agora non é posible e polo tanto obrígannos a permanecer máis meses sen ningún tipo de ingresos”.