A Asociación de Veciños de Teis ven de denunciar o abandono da pista deportiva das Coutadas, maila que, segundo indica nunha nota, dirixiuse á Concellería de Deportes en tres ocasións- outubro 2013, decembro 2014 e abril de 2015-advertindo do mal estado da mesma e demandando a actuación do Concello.
“As porterías están deterioradas, non teñen redes ou están rotas. Os laterais da pista na súa maioría tampouco hai redes, para evitar a perda dos balóns, a única bancada tamén está deteriorada e hai falta de limpeza”, sinala a asociación vecinal que subliña que “o que máis chama atención, é que a pista deportiva, debido a falta de mantemento, xa non hai liñas e faise difícil practicar algunha modalidade deportiva”.
Os veciños lembran que en xaneiro do 2014 aprobouse un investimento de 6 millóns de euros do superávit de 2012, dos cales 220.000 € serían para reformar varias pistas deportivas da cidade, entre as que se incluía a das Coutadas, pero “a situación é que, estando en maio de 2015, aínda non se actuou na mellora desta pista e preguntámonos, ¿onde se investiu o diñeiro para mellorar a mesma?”.