O Concello, en colaboración coas 13 comunidades de montes da cidade- integrantes da Mancomunidade de Montes de Vigo- e co patrocinio de Eroski Center e de El Corte Inglés, organiza a II Andaina polos montes vigueses, que terá como referencia a Senda Panorámica da cidade-a coñecida GR-53).
A mesma, que realizarase o domingo, día 17, propón aos participantes tres posibles percorridos-cada un cun distinto nivel de dificultade-: unha ‘Andaina longa’, de 34 quilómetros, entre o Parque Forestal do Vixiador e Monte dos Pozos; unha ‘Andaina media’, de 21 quilómetros, entre O Pouso, en Bembrive, e o Monte dos Pozos; e unha ‘Andaina curta’, de 12 quilómetros, entre o Parque de Zamáns e o do Monte dos Pozos.
Os participantes irán por sendeiros locais e todo o percorrido realizarase, íntegramente, polo termo municipal, pasando por 6 das 13 comunidades de montes de Vigo, as de Candeán, Cabral, Bembrive, Beade, Zamáns e Valladares.
Os interesados en participar, pódense inscribir ata 14 deste mes na Casa da Xuventude de López Mora ou no 6º andar do Corte Inglés- sección de deportes- en horario de mañá e de tarde. A inscrición implica a aceptación do regulamento da andaina e aboar os 2 € (1 € para menores de 12 anos). Esta achega destinaráse a cubrir o desprazamento en Vitrasa dende a Praza do Rei ata os puntos de saída e, ao rematar, volver ao punto de partida en Praza do Rei. Deste xeito quérese evitar o emprego de vehículos particulares e promover o emprego de transporte público.
Coa inscrición entregarase a tarxeta de participación e un vale para recoller entre os días 11 e 15 de maio no Corte Inglés (sección Deportes) a camiseta desta andaina e o mesmo día dela-o 17 de maio- presentando a a tarxeta de participación no control de saída establecido na Praza do Rei, entregarase un ‘kit’ con material de avituallamento.
Unha vez chegado ao punto de saída das distintas andainas, iniciaranse as mesmas co acompañamento de persoal de organización- unhas 100 persoas entre colaboradores das comunidades de montes, axentes da Policía Local nos cruzamentos máis perigosos, e voluntarios de Protección Civil, para posibles eventualidades no discorrer da actividade-.
A chuegada ao Parque forestal de Monte dos Pozos está a partir das 4 e media da tarde, momento no que estarán dispoñibles as ‘lanzadeiras’ que volverán á Praza do Rei. Coa tarxeta de chegada poderanse presentar os participantes no concurso de fotografía “Descobre Vigo dende os seus montes”, no que se establecen tres premios para categorías de “Paisaxes da andaina”, “Momentos da andaina” e “Selfies”.