As persoas que queiran ver as curtametraxes a concurso do XII Festival de Cans teñen ata este domingo, día 10, a súa última oportunidade para mercar as entradas a través da Rede. Este ano, a compra pode realizarse a través da nova tenda virtual do festival: tenda.festivaldecans.com. Ademais, nesta ocasión, os usuarios terán a posibilidade de mercar dous produtos diferentes: o pack de entrada, camiseta e catálogo do festival por un prezo de 21,5€ máis gastos de xestión, ou ben unha entrada simple co catálogo do festival a un prezo de 12€ máis gastos de xestión. En todos os casos se poderán adquirir para os pases da sesión matinal ou da de tarde.
A organización lembra que a recollida das entradas e packs poderá facerse o venres 23 no Torreiro de Cans entre as 11 da mañá e as 3 da tarde para os productos da sesión de tarde ou no Baixo de Bugarín entre as 9 e cuarto a 10 menos 10 da mañá para os produtos da sesión de mañá.
Como todos os anos, a organización fixa un día para a venda física en Cans do resto das entradas para todas as sesións das curtametraxes a concurso. Este ano será o venres da semana que vén, día 15 de maio, a partir das 7 da tarde no Torreiro de Cans.
O 90% do programa do Festival de Cans continúa a ser de balde, polo que este ano tan só haberá outras dúas actividades que requerirán de entrada: o espectáculo infantil Muller Cine e a estrea mundial do documental sobre o espectáculo de Luar na Lubre dirixido por Jorge Coira, Torre de Breoghán, que virá seguido dunha das novidades desta edición: os Concertos na Placa de Bugarín, neste caso, da conta de varios membros de Luar na Lubre.
As entradas en ambos casos estarán á venta no Torreiro de Cans o día 15 de maio, e tamén se poderán adquirir unha hora antes do inicio de cada unha das actividadas no seu lugar de celebración no caso de que aínda estean dispoñibles, o Baixo de Carlos no caso de Muller Cine e o Baixo de Bugarín para a proxección de Torre de Breoghán con Concerto na Placa.
Un ano máis o festival aposta por manter Cans libre de tráfico. Estará cortado o acceso aos coches e para facilitar a mobilidade fomentarase o aparcamento no Porriño e reforzarase o servizo de autobuses lanzadeira dende as paradas habituais: Avenida Antonio Palacios, Hotel Internacional e Restaurante Guanabara. A liña de autobuses funcionará dende primeira hora da tarde do venres e dende primeira hora da mañá do sábado e ata que rematen as actividades. O prezo será de 1€ ida e volta, podendo escoller libremente os horarios.
Así mesmo, o festival quere fomentar a accesibilidade a todos os niveis para persoas con diversidade funcional. Por iso haberá apoio de autobuses con prazas habilitadas para persoas en cadeiras de rodas e, ao lomgo de toda a semana, proxeccións subtituladas para persoas con discapacidade auditiva.
Con respecto á mobilidade, o festival quere trasladar unha última mensaxe: tamén se pode vir a Cans andando dende o Porriño, apenas son 10 minutos dende o Hotel Internacional ata a rotonda do Can de Pedra e facéndoo en grupo mesmo pode ser ben divertido. Xa sabedes, o que move as pernas, move o corazón, un órgano básico para gozar da cultura. Animádemos a vir a Cans cargados de enerxía!