O Concello de Redondela ven de publicar as Subvencións para actividades de promoción da muller para o ano 2015, dependentes do Departamento de Muller e Igualdade.
Esta convocatoria ten por obxecto a concesión de subvencións, durante este ano, ás asociacións e vogalías da muller de entidades veciñais ou culturais debidamente constituídas en asemblea demostrable a través da presentación da correspondente acta, que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, para o desenvolvemento de actividades e programas de promoción da muller e da igualdade cuxa finalidade sexa: promoción da igualdade real e efectiva de mulleres e homes en todos os ámbitos; conciliación e corresponsabilidade; difusión dos dereitos das mulleres, da historia do movemento de mulleres e do pensamento feminista; formación, orientación e asesoramento cara a busca ou consolidación do emprego feminino; información, asesoramento, prevención ou tratamento da violencia de xénero; promoción da saúde e o autocoidado en problemáticas específicas de muller; promoción da participación das mulleres no eido social, cultural ou artístico; promoción persoal e adquisición de habilidades sociais; integración e traballo con grupos en risco de exclusión e fomento do deporte feminino.
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria remata o martes 26 de maio, incluído. As Bases e Anexos de ambas as dúas convocatorias poden descargarse da páxina web do Concello e para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao CIM (Centro de Información ás Mulleres), na rúa Isidoro Queimaliños, núm. 2, ou chamar ao teléfono 986 40 80 43.