Máis de 5.000 persoas manifestáronse este domingo ao mediodía polas rúas de Ferrol secundando o chamamento realizado polos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol, ademais dos delegados da industria auxiliar, para esixir carga de traballo para o sector naval, a construción dun dique flotante e que se respecten os acordos laborais da industria auxiliar.
A marcha, que transcorreu sen incidentes, partiu da Praza do Inferniño para finalizar na Praza de Armas tras percorrer varias das rúas do barrio da Madalena, lugar no que se deu lectura a un manifesto, a cargo da actriz Isabel Risco.
Os comités de empresa dos dous estaleiros públicos denunciaron “a utilización demagóxica para calmar á cidadanía cando chegan as citas electorais”, incidindo na necesidade de dotar ambos os dous estaleiros da ría de Ferrol de carga de traballo, para “apuntalar a Navantia e tamén a esta bisbarra”; tamém consideraron “moi significativo que, en época electoral”, os traballadores conten co apoio de “tódalas formacións políticas”, en alusión á aprobación nos plenos de toda a bisbarra de mocións presentadas polos representantes dos traballadores. “Aínda que este apoio, despois, nunca se concrete”.