O progama do Concello para este verán inclúe campamentos urbanos -para rapaces desde os 4 ata os 17 anos-, espazos de tempo libre (de 4 a 12 anos) e actividades xuvenís (de 13 a 35 anos), unha oferta que mantén os prezos nas propostas que son pago -cunha media de 35 €- cunha subvención municipal do 40% do custe das mesmas.
A partir deste venres día 15 de maio, ábrese o prazo de preinscripción para realizar o rexistro de datos na web www.xuventudevigo.org e, a partir do 28 de maio, data de inicio de solicitudes, as familias só terán que elixir a actividade á que queren apuntarse, o cal evita aos interesados ter que gardar cola.
Os obxectivos dos campamentos son: ofertar un tempo de ocio educativo dentro da propia cidade, achegar e divulgar a cultura marítima e potenciar o estudo do inglés, a este respecto, o Concello organiza distintos campamentos relacionados coa náutica e a Ría en distintos puntos da cidade e incluso unha actividade de inmersión lingüística en inglés.