FOTO: FELIPE CARNOTTO/A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga) lamenta que a política do Gobierno de Galicia contra os incendios forestais se basee un ano máis na “improvisación, sen ter un dispositivo ben dimensionado, organizado e capaz de atender todas as incidencias que se están presentando xa”.
Aprafoga afirma que o Goberno Feijóo “segue sen facer os deberes mentres os incendios devastan xa os montes galegos e continúan as previsións de altas temperaturas e ventos desecantes”. Este colectivo de profesionais explica que o dispositivo contra os incendios está “diminuído, sen que se cubran as xubilacións, as baixas e as vacantes”. Engaden que isto sucede “un ano tras outro” e como exemplo expoñen que a Xunta propón amortizar 5 postos de axentes forestais e medioambientais na provincia de Ourense.
Os axentes forestais advirten de que a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural non utiliza criterios técnicos para establecer a quenda de gardas dos profesionais responsables do servizo de extinción. Tal como poñen de manifesto, a Consellería usa “uns criterios claramente políticos, posto que unha semana antes das pasadas eleccións, con xornadas de temperaturas baixas e incluso algunhas precipitacións, impúxose un período de gardas innecesarias desde o punto de vista técnico”. Así as cousas, os responsables de dirixir a extinción do 99 % dos lumes de Galicia teñen xa esgotados os períodos de gardas extraordinarias fóra da época estival.