O investigador Jaime B. Blanco Dios foi o responsable do descubrimento dunha nova clase de cogomelo nas dunas da praia de Rodas, nas Illas Cíes. Trátase dun recente achado para o mundo da ciencia que foi designado como Marasmiellus ciesianus, e cal presenta unha serie de diferenzas microscópicas con especies próximas á súa. Será ao longo deste ano cando se publique unha descrición deste organismo en Mycosphere, revista internacional que publica artigos de calidade sobre a bioloxía dos fungos.
Este cogomelo achado no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas pertence á familia dos saprófitos, os cales desenvolven todo o seu ciclo de vida sobre materia orgánica inerte. En concreto, Marasmiellus ciesianus frutifica a finais de outono e a principios de inverno enriba dunhas ramas mortas de Helichrysum picardii var. virescens, unha planta característica das dunas galegas.
Cómpre resaltar que, ata o momento, as dunas da praia de Rodas son o único lugar no que aparece esta nova especie. Ademais, este espazo natural acolle outros fungos que non son moi comúns en Galicia, pero que si son típicos de ecosistemas dunares como poden ser a Campanella caesia Romagn ou Marasmiellus mesosporus Singer. Tamén hai outros organismos que se poden distinguir como Mycena rubromarginata, Phlebiella boidinii ou Subulicystidium perlongisporum; pero un dos descubrimentos máis relevantes nestes últimos anos foi o da planta endémica Ornithopus x ciesianus.
Por último, cabe destacar o labor do indagador natural de Pontevedra: Jaime B. Blanco, o cal foi galardonado recentemente co premio Cidade de Pontevedra 2014 na modalidade de persoas físicas.