Foto: Felipe Carnotto/Axentes Medioambientais advirten novamente que o Goberno de Galicia mantén no tempo un dispositivo de extinción de incendios forestais diminuído de persoal e medios. Denuncian que a organización, ademais de ser pouco obxectiva, “contén métodos autoritarios que en nada favorece que a engrenaxe dun operativo complexo, como é o do SPDCIF, poida funcionar cun mínimo de efectividade”.
Denuncian que os vehículos están envellecidos e en mal estado e que as condicións das motobombas e dos todoterreo dos Axentes son “escandalosas”. Isto xunto con casetas de vixilancia pechadas, EPIs sen renovación ou de pésima calidade, equipos de comunicación obsoletos, prevención nula e un só helicóptero dispoñible para toda Galicia.
Consideran que esta situación é especialmente grave tendo en conta que estamos nunhas datas nas que o risco de incendios está a ser moi elevado, tal e como se comprobou no IRDI destes últimos días e nos numerosos lumes que se están a producir. “Ás portas dun verán no que posiblemente vai ser moi difícil a extinción de incendios forestais, xa que tivemos unha primavera que foi a cuarta máis cálida desde 1971, chovendo un 30 % menos do habitual e esperando, segundo a AEMET, un verán máis cálido do habitual”.
Lembran que estas condicións meteorolóxicas son as mesmas que se deron no verán de 2006 e afirman que o Goberno de Galicia, “non está preparado para afrontar unha vaga de incendios forestais como os que se viviron nese triste verán”.
Os axentes mediambientais engaden a isto que no lugar de profesionalizar o dispositivo único e público, atópanse no monte con empresas privadas, brigadas municipais, empresas semipúblicas…, todos eles baixo a responsabilidade dos Axentes Medioambientais nos incendios. “Todo este abano con diferentes medios fan pensar que o Goberno está derivando a súas responsabilidades cara ás empresas privadas e descargando a extinción dos lumes na chamada de medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME”.
Por último, sinalan que malia as queixas e peticións mantidas no tempo co rogo de que se corrixisen todas estas eivas, “o departamento que depende de Tomás Fernández-Couto Juanas mantén as súas portas pechadas a cal e canto”.