Galicia

A Agrupación de Electores de Redondela demanda a Héctor Santos por “inxurias e calumnias”

Héctor SantosA Agrupación de Electores de Redondela (AER), ven de anunciar a presentación dunha demanda contra o secretario xeral dos socialistas de Pontevedra e concelleiro en Vigo, Héctor Santos, polas súas declaracións do pasado 11 de xuño.

Segundo indica AER, as acusacións do responsable socialistas nos medios de comunicación pasaron por “cualificar á Agrupación de electores de marca branca do PP”, por asegurar que conta con “fundadas sospeitas que membros desta lista recibiron favores laborais por parte do alcalde e vinculados tamén a Deputación Provincial” e rematar indicando que “estes señores (en referencia a AER) usaron as negociacións co PSOE para aumentar a súa cotización no pacto co PP”.

Por este motivo e “ante a gravidade destas afirmación”, a Agrupación de Electores de Redondela con data 18 de xuño, interpuxo a demanda para a celebración de acto de conciliación, previa á interposición de querela criminal por un presunto delito de calumnias e/ou inxurias, fronte ao Secretario provincial do PSOE, Héctor Santos Rodríguez, para que “proceda ante o xuíz a recoñecer a falsidade das declaracións publicadas con data 11/06/2015, con indicación das razóns que lle levaron a realizalas”. O presente acto de conciliación, informa AER, realizarase o vindeiro 15 de xullo nos xulgados de Pontevedra, ao que xa está citado o Secretario Provincial do PSOE.

AER subliña que lamenta a “pasividade da Agrupación local do PSOE e dos seus responsables no referente a este desafortunado incidente, co que amosan o seu servilismo fronte á cúpula do seu partido, asumindo como propios os erros e despropósitos dos seus dirixentes provinciais. Situación esta que non é do noso agrado, e que ten como consecuencia directa que estea dificultando e seguirá dificultando as relacións entre ambas formacións políticas no traballo do día a día da política de Redondela”.

También te puede interesar