O Parque Nacional das Illas Atlánticas recibiu no que vai de ano un total de 100.659 visitantes, dos que case un 60 %, é dicir, 59.357, achegáronse a este complexo natural no mes de xuño. Cunha superficie de 8.333 hectáreas totais, o parque está formado por catro arquipélagos: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
No período que vai dende xaneiro a xuño, incluídos ambos os meses, as Illas Cíes sitúanse á cabeza en canto a afluencia, sumando 75.256 rexistrados; seguidas polas Illas Ons, onde se contabilizaron 16.408 visitantes. Sálvora albergou 4.063 turistas e Cortegada un total de 3.783.
O mes de xuño foi o período no que se rexistrou unha maior afluencia, tendo en conta que coincide co inicio da tempada estival, que este ano estivo caracterizado por unhas condicións meteorolóxicas idóneas para a estancia nas illas. Neste sentido, en xuño o número de visitantes a Cíes ascendeu a 47.367, mentres que en Ons rexistráronse 8.577 persoas. Sálvora recibiu 1.529 turistas e Cortegada sumou 1.574.
Cómpre destacar que no caso de Cíes e Ons, ao longo do ano, os turistas elixen maioritariamente o transporte público, é dicir as navieiras que prestan estes servizos que conectan distintos portos con estas illas. Así, por exemplo, no mes de xuño, dos 47.367 visitantes, 44.481 accederon en transporte colectivo.