Este luns, día 20, dáse un paso máis no traslado dos servizos ambulatorios do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) ao Hospital Álvaro Cunqueiro, co inicio da actividade dos gabinetes técnicos e consultas de Pneumoloxía, Uroloxía e do Aparello Dixestivo.
O novo hospital atenderá hoxe a 620 pacientes das consultas externas de todas as especialidades que xa están pasando consulta nas novas dependencias. Estas consultas están emprazadas no bloque ambulatorio, na planta -1. En total, ao longo desta semana hai citados 3.141 pacientes, que xa acudirán a este hospital para recibir atención especializada.
Tamén esta semana, se incorporan 44 traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, de tódalas categorías profesionais: 17 facultativos, 24 profesionais sanitarios (enfermerías e Técnicos) e resto, traballadores do cadro de persoal non sanitario. No momento actual o novo hospital conta xa con máis de 250 profesionais do CHUVI traballando nas súas dependencias.
Esta é a primeira fase do traslado destes servizos, que inician a súa actividade asistencial na área ambulatoria e que, tal e como establece o cronograma previsto, nas vindeiras semanas irase completando coa atención á hospitalización e posteriormente ás urxencias.