Segundo informa Medio Rural, a esta hora segue activo o incendio de Padrenda, que empezou pouco antes das 2 da mañá e que xa queimou unha superficie de 50 hectáreas en terreos de Rede Natura. No seu control traballan 3 axentes forestais, 5 brigadas, 3 motobombas e 1 pa.
Tamén está activo, ainda que controlado dende antes das 6 da mañá deste venres, o lume rexistrado no concello ourensán de Oímbra: segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de arredor de 100 hectáreas. Nos labores de control traballan 7 axentes forestais, 20 brigadas, 10 motobombas, 2 pas e 5 helicópteros.
Dende as 8 da mañá, permanece controlado o incendio rexistrado en Compostela, parroquia de Figueiras. O lume iniciouse preto das 5 da tarde de onte e segundo estimacións provisionais afecta a unha superficie de 60 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 15 axentes forestais, 24 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 6 avións.
Neste lume foi desactivada a “Situación 2” ás 9 e media da noite de onte, tras decretarse como medida preventiva ás 7 da tarde. Esta situación operativa de emerxencia declárase cando o lume pode afectar á poboación e a bens non forestais e require a adopción inmediata de medidas de protección e socorro.
Asi mesmo, permanece controlado desde as 9 da noite de onte o lume rexistrado no concello de Trasmiras, parroquia de Chamosiños, que comezou ás 6 da tarde. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada supera as 20 hectáreas. Nos labores de extinción traballan 4 axentes forestais, 12 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 5 avións.