O Instituto Galego da Vivenda e Solo xa realizou as primeiras entregas de chaves de vivendas cedidas pola SAREB e destinadas a alugueiros sociais para afectados por execucións hipotecarias, desafiuzamento por impago do alugueiro e outras situacións de emerxencia.
As catro primeiras vivendas foron entregadas, en réxime de alugueiro, a adxudicatarios de Vigo, O Porriño e Culleredo. No caso de Vigo foron dúas as vivendas entregadas.
O convenio asinado entre a Xunta e SAREB establece que a entidade cederá ao IGVS ata 100 vivendas da súa propiedade, das que 25 xa son xestionadas polo IGVS.
O Goberno de Galiciae a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb, S.A.) asinaron en marzo o convenio que permitiu a cesión destes inmobles, cunha duración de catro anos prorrogable, dentro do ‘Plan rehaVIta’, cuxo obxectivo prioritario de facilitar o acceso á vivenda e evitar situacións de risco de exclusión social.
Asemade, o IGVS asinou convenios con Abanca e Caixa Rural Galega para a cesión de 100 e 20 vivendas baleiras respectivamente, que serán destinadas aos mesmos usos que as da Sareb.
A adxudicación destes inmobles faise en condicións semellantes ás que se empregan coas vivendas de promoción pública propiedade de Galicia: en réxime de alugueiro e cunha renda mensual que en ningún caso poderá superar o 30% dos ingresos da unidade familiar adxudicataria.
Os adxudicatarios das vivendas pagarán unicamente o importe do alugueiro das mesmas e os consumos que orixinen (enerxía, auga, etc.), pero non lles corresponderá aboar os gastos de comunidades e taxas ou impostos da vivenda, que serán por conta de Sareb, así como os gastos extraordinarios de mantemento da habitabilidade e reparacións das vivendas.
Pola súa parte, o IGVS farase cargo dos gastos correspondentes á obtención do certificado de eficiencia enerxética se a vivenda non dispón del, gastos de mantemento e reparacións ordinarias e de xestión e administración dos alugueiros.