O alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, mantivo unha xuntanza, este mércores, no seu despacho, co tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da provincia de Pontevedra, Manuel Touceda, e co xefe do destacamento da Benemérita en Tui, o capitán Gerardo Calvo, para trasladarlles a súa preocupación polos roubos e asaltos a casas do concello, que se repiten dende hai preto de dous anos.
O alcalde, recibiu, por parte do tenente coronel Touceda e do capitán Calvo, información sobre as medidas adoitadas pola Garda Civil para garantir a seguridade dos veciños e transmitiulles, pola súa banda, a que ten o goberno local.
Estos datos, os dos Corpos de Seguridade do Estado e os do Concello, serán a base da xuntanza da Xunta Local de Seguridade, que se convocará esta mesma semana, e na que estarán presentes, xunto co alcalde e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, o tenente coronel Touceda, o responsable da Policía Local e os representantes dos grupos municipais.
Ademáis, nos vindeiros días, membros da Garda Civil, participarán nunha campaña informativa e divulgativa, que se fará no concello, á que se convocará aos veciños, sobre “a prevención de posibles asaltos e roubos e fórmulas de actuación e reacción ante eles se estos chegan a producirse”.
Xosé Manuel Rodríguez, xa cando era xefe da oposición municipal, e nos primeiros días do seu mandato, subliñou que unha das bases da xestión do novo goberno local sería dar unha “prioridade absoluta” á seguridade de todos e cada un dos 4.121 veciños de As Neves e traballar para acabar coa vaga de roubos que se veñen producindo no concello.
Ademáis, o alcalde recibiu ao capitán Antonio Guerrero, membro da BRILAT, e un dos oficiais responsables da operación ‘Centinela Gallego’, que ten como obxectivo a vixiancia dos montes para previr incendios forestais. O capitán Guerrero, está ao mando de dúas bases operativas- as de A Cañiza e Salvaterra, que dan cobertura a As Neves- e de 15 patrullas, compostas por uns 40 homes.
Na xuntanza, quedaron delimitadas as zonas de risco de incendio no territorio municipal, en base aos datos dos cinco últimos anos e dos deste mesmo verán: a liña Santa Mariña-Tortoreos-Liñares e a Estación, que será de ‘atención continuada’, e a que abrangue o sur de Rubiós e o barrio do Monte, na parroquia de Tortoreos, que ardeu o martes, e que pasa a ser de ‘atención especial’.