Segundo informa o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Sanidade “mantén operativas este verán o 86,12% do total das camas dispoñibles nos centros hospitalarios da rede pública galega, unha porcentaxe similar á de anos anteriores”.
O Sergas subliña que esta planificación -aplicada por todos os servizos de saúde de forma habitual- realízase tendo en conta factores como os “menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas, debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade”.
Sanidade indica que nos últimos cinco anos -dende 2010 ata 2014- a porcentaxe media de ocupación de camas nos centros do Sergas nunca superou o 76,8%. Ademais, “todos os recursos están dispoñibles para ser utilizados de xeito inmediato nos casos de necesidade que se poidan producir de forma excepcional, como sucedeu hai dous anos no tráxico accidente ferroviario de Angrois, para o que se activaron todos os recursos que foron precisos”.
A planificación para a época estival obedece a unha “racionalización dos recursos físicos e humanos e faise sempre coa colaboración dos propios profesionais, posto que eles son os maiores coñecedores do funcionamento dos centros”, o Servizo Galego de Saúde indica que “deste xeito pódese manter toda a actividade clínica posible e garántese a atención aos procesos que non admiten demora”.
A decisión sobre o alcance desta programación tómase tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de “garantir a seguridade e a calidade asistencial dos pacientes, ao tempo que permite xestionar de forma eficiente as vacacións regulamentarias dos profesionais” -xa que o verán, como sucede noutras profesións, é o período máis demandado polo persoal para vacacións regulamentarias- coa “diminución da demanda asistencial”.