O piloto dunha avioneta do dispositivo de loita contra incendios forestais da Xunta resultou ferido esta tarde tras sufrir un accidente, por causas que aínda se descoñecen, mentres traballaba na extinción dun incendio rexistrado no concello ourensán de Castro Caldelas.
Segundo informa Medio Rural, o aviador atópase consciente e está a ser atendido no lugar do accidente antes de ser trasladado a un centro hospitalario nun helicóptero medicalizado, para ser sometido a exploración. O aparello sinistrado é un modelo Dromader, que opera desde a base lucense de Doade.
O lume no que traballaba o aparello sinistrado iniciouse ás 2 e media da tarde e permanece activo. No seu control participan 1 técnico, 3 axentes forestais, 11 brigadas, 4 motobombas e 4 helicópteros.