O alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, manterá unha xuntanza, o vindeiro luns, día 31, ás 6 e media da tarde, no seu despacho do Concello, co doutor Manuel Moreira, membro da Plataforma SOS Sanidade Pública, para coñecer, de primeira man a situación do novo hospital de Vigo que pasará a ser o centro de referencia dos veciños de As Neves, una vez empece a funcionar a pleno rendimento.
Xosé Manuel Rodríguez acudirá, logo da entrevista con Moreira, a un acto informativo, organizado en Ponteareas, ás 8 e media da tarde do mesmo luns-no Centro de Servicios Sociais- no que SOS Sanidade Pública detallará a problemática do transporte dende os concellos do Condado-Paradanta ao novo hospital, ademáis da falla de aparcamento público e gratuito no mesmo.
Hai varios días, o alcalde mantivo unha reunión con responsables da Empresa Ojea, que fai a ruta dende As Neves ao novo hospital e con directivos da Asociación de Transportistas de Galicia, para tratar sobre as liñas de conexión co Álvaro Cunqueiro, os horarios e tentar que uns e outros se adapten ás necesidades dos veciños, tendo en conta que no concello viven persoas que pola súa idade teñen maiores dificultades á hora de trasladarse a Vigo para acudir ao médico.
Previa a esta última xuntanza, os alcaldes de O Condado-Paradanta, e o de A Cañiza, acordaron dirixirse ao Goberno de Galicia para obter información sobre o transporte regular entre os concellos do Condado e o novo hospital e aprobaron que fose o rexedor de As Neves quen solicitase unha entrevista urxente co vicepresidente Rueda-entrevista que foi solicitada xa a finais da semana pasada- para ter a ocasión de expoñerlle as súas preocupacións e a problemática que representa tanto o transporte por autobús de liña como en coches privados polo custo do aparcamento do ‘Álvaro Cunqueiro’.