Arredor de mil tractores tomaban esta mañá as principais rúas de Lugo nunha nova mobilización en defensa do sector lácteo. Pouco despois das 11 e media da mañá, os vehículos partían da explanada do campo de fútbol Anxo Carro para dar a volta á Ronda Muralla e rodear o perímetro da mesma. Pasada a 1 saía a manifestación a pé dende a Ronda até rematar no edififio multiusos da Xunta, onde o xornalista Paco Nieto foi o encargado de dar lectura ao manifesto reivindicativo. Ao mesmo tempo, o comercio e a hostalería locais sumábanse a protesta pechando as súas portas.
A marcha de Lugo serviu para “quentar os motores” antes das grandes mobilizacións programadas para a próxima semana en Compostela. Entre os días 7 e 10 de setembro, cinco mil tractores tomarán a capital galega realizando manifestación diante do Parlamento, a sede do Goberno galego e as grandes áreas comerciais. Ademais, está previsto facer repartos gratuítos de leite en diferentes puntos en protesta polo baixo prezo que a industria paga polo leite (que non cubre os custes de produción) e a ausencia de garantías na recollida.
Dende a Plataforma explican que o xoves 10 de setembro é a data límite fixada polo Ministerio de Agricultura para chegar a un acordo entre as partes implicadas. Porén, advirten que “de non obter algunha solución para o grave problema que atravesa o sector lácteo, anunciaremos medidas drásticas que se tomarán a partir do día 11 de setembro”. Tampouco descartan facer folga de entregas se non se chega a un acordo satisfactorio.
A este respecto, dende a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego denuncian que as administracións “non están a altura das circunstancias”, negando solucións similares ás acordadas noutros países. Así, por exemplo, en Francia, dándose un problema de prezos e rotura de mercado moito menores, si se están a adoptar medidas eficaces para solucionar o problema con carácter urxente: o goberno destinou 600 millóns de euros en axudas ao sector e promoveu acordos coa industria e a distribución para mellorar os prezos dos gandeiros e gandeiras.