‘VigoCultura’, que se desenvolverá no Auditorio do Concello de outubro a decembro, inclúe unha oferta diversa, con espectáculos para público adulto os venres ás 9 da noite e, para público familiar, os domingos ás 6 da tarde.
O Concello programa para este derradeiro trimestre do ano un total de 19 funcións, que abarcan diversos xéneros como a música pop, a música de autor, teatro dramático, contemporáneo, musicais, comedia, danza contemporánea e hip hop, dentro do ciclo dirixido ao público adulto, e a música, teatro, musicais, clown, circo, monicreques, danza e maxia, dentro do ciclo dirixido a público familiar.
Nesta programación participan un total de 11 compañías e grupos galegos (9 delas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e 2 colaboracións) e 8 compañías de fóra de Galicia a través do programa estatal Platea, todas elas de recoñecido prestixio no ámbito das artes escénicas estatais e moitas recoñecidas con premios e nominacións.
O prezo de entrada dos espectáculos para público adulto será de 6 € para os de danza e música e 8 € para os espectáculos teatrais, e as dos espectáculos dirixidos a público familiar terán un prezo de 5 €.
As entradas podense adquirir anticipadamente a partir do martes día 15 de setembro a través do servizo de Ataquilla, o tlf 902.504.500 ou no despacho de billetes da Central de Espectáculos, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do seu comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles). Os abonos podense combinar entre todos os espectáculos- en paquetes de 5 ou 10 espectáculos- con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.