Mais de 500 traballadores da Área Sanitaria de Vigo manifestáronse este martes pola mañá diante do Parlamento de Galicia, xusto cando interviña no Pleno do mesmo a conselleira de Sanidade, pedindo a súa demisión e a do xerente da Área Sanitaria viguesa, con berros como “¡quen recorta e privatiza ten os cartos en Suiza!”.
Sen diexarse asustar pola intensa choiva, os manifestantes aguantaron coas súas pancartas en defensa da sanidade pública e en contra do “hospital privado de Vigo”.
En declaración aos medios, os representantes da plantilla salientaron que a xestión de Rocío Mosquera e de Félix Ruibal so favorece os intereses da concesionaria do Álvaro Cunqueiro sen pensar nos enfermos, recortando persoal e tolerando que falten medios, que nun hospital “que tiña un orzamento inicial de 400 millóns e que acabará costando catro veces máis” haxa goteiras, ratos, que se fagan as resonancias nun camión, mesmo que os pacientes non teñan nin auga coa comida.
Os traballadores foron especialmente críticos co “parking privado”, que fai que os pacientes teán que pagar por estar enfermos, cobrando ata 9 € cada un dos días que acuden a diálise ou a seguir tratamentos oncolóxicos.
Ante todas as deficiencias e problemas do novo hospital e a privatización dos servizos sanitarios, a intención dos traballadores é considerar, nunha asamblea convocada o vindeiro día 22, a posibilidade de convocar unha folga de 24 horas.