Entre el 2 junio y el 15 de julio
Leer másPonteareas subvencionará con 2.000 € a contratación indefinida de desempregados
O Alcalde de Ponteareas presentou aos empresarios da localidade as bases que rexerán a convocatoria de subvencións para o fomento da contratación de traballadores en situación de desemprego. Á reunión, na que tamén estivo presente a tenente alcaldesa María Jesús Garrote, asistiron ducias de representantes de empresas, entre elas as que maior emprego crean na localidade, así como representantes das asociacións de empresarios e comerciantes.
A nova liña de axudas finánciase coa partida correspondente ao salario do alcalde ao que Represas renunciou trala súa toma de posesión. No ano 2015 a partida acada os 28.000 € xa que até o mes de xuño foi consumida polo salario do anterior rexedor, Salvador González. Xosé Represas explicou que “no vindeiro ano será, polo menos, o dobre, aínda que tentaremos aumentala máis”.
O alcalde salientou que esta é unha primeira medida, feita con premura de tempo, “que demostra que un concello pode facer moito pola economía local e pola creación de emprego. Só hai que ter a vontade política de facelo. A nosa intención é poñer en marcha a partir de 2016 novas iniciativas que contribúan á implantación de empresas e á apertura de negocios en Ponteareas”.
Con esta medida Represas indicou que “o Concello pretende incentivar e fomentar a contratación e a estabilidade no emprego”. As axudas concederanse ás empresas ou autónomos que contraten traballadores desempregados que leven empadroados en Ponteareas polo menos un ano. A contía da subvención oscilará entre os 300 e os 2.000 €, en función da estabilidade do contrato. Se este é indefinido a axuda será de 2.000 € coa obriga do empregador de manter ao traballador contratado por un período mínimo 2 anos. Con 1.000 €s apoiarase o contrato de 1 ano de duración e con 500 euros outros contratos temporais. Por último os contratos en prácticas cunha duración mínima de seis meses recibirán 300 €.
O alcalde tamén explicou que se contemplarán axudas ao autoemprego para as persoas desempregadas que poñan en marcha actividades e se den de alta como autónomos creando así o seu propio emprego.
As subvencións concederanse por rigoroso orde de solicitude até o esgotamento da partida presupostaria. O prazo para a presentación de solicitudes comezará trala publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases e rematará o 20 de decembro. Os asistentes á reunión valoraron moi positivamente a iniciativa e realizaron diferentes aportacións ao borrador de bases. O alcalde anunciou que estarán aprobadas e publicadas antes dun prazo 20 días.
Pola súa banda os empresarios amosáronse interesados en manter encontros coma o de onte para manter un diálogo fluido e frutífero co goberno local en asuntos municipais que inciden sobre a actividade empresarial.