O novo conselleiro de Sanidade está disposto, tal e como demandaron este marters os traballadores en folga do Área Sanitaria de Vigo, a ter unha xuntanza con eles e, neste senso, adiantou que se porá en contacto co Comité de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), xa que, “agora, o máis importante é falar e facer un gran proxecto”.
Jesús Vázquez Almuiña, que estivo hoxe en Vigo na toma de posesión do novo delegado do Goberno galego na cidade, afirmou que o seu desexo é que esta “sexa a última folga que haxa na Sanidade Pública” e amosouse seguro de que, en base a ese diálogo “ímolo conquerir”.
Vázquez Almuiña recoñeceu que “é evidente que hai moitas cousas que mellorar, hai que facer correcións, e estamos nesa idea” e salientou o seu convencimento de que “todos os traballadores da Sanidade Pública de Vigo queren que isto salga ben”.
O conselleiro adeantou que, en poucos días, presentará “iniciativas a curto, medio e longo prazo”, sen chegar a concretar cáles serán, asegurando que serán públicas pronto.
Non se amosou tan ‘autocrítico’ o vicepresidente do Goberno galego, quen insistiu, como en declaracións de semanas pasadas en que “se demostrou que o novo hospital de Vigo é completamente público, que está funcionando axeitadamente, coas lóxicas dificultades que hai no arranque dunha grande instalación”.
Alfonso Rueda insistiu en que o Hospital Álvaro Cunqueiro traballa a “pleno rendimento”, e pediu que “non haxa demagoxia” e que “se deixe traballar aos profesionais e ao Goberno de Galicia”.