Centos de traballadores e pacientes da Sanidade Pública galega saíron ás rúas de Compostela, A Coruña, Lugo e Pontevedra para denunciar a privatización da Sanidade Pública e denunciar as gravísimas deficiencias, “que amosan que é así: que queren que acabemos marchando ás clínicas privadas”, do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Os voceiros das Mareas Brancas sinalaron que o Goberno de Galicia está privatizando a sanidade en cada centro de saúde, de atención Primaria, en cada hospital, “faino pouco a pouco, cunha laboura constante e calada, que agora fíxose perfectamente visible no Cunqueiro, no que se ve como empresas privadas deciden qué hai que darlle de comer a un enfermo, cando hai que operalo, o tempo que ten agardar por unha proba ou por un tratamento, qué medicamentos hai que darlle ou si está en Urxencias 12 horas, impoñendo o repago da auga ou do aparcamento”.
As mareas denuncian a falla de instrumental nos quirófanos, de material en Urxencias, “ata de guantes, de instrumentos esterilizados, de mantas, cadeiras de rodas”, que obrigan aos profesionais a traballar como si estiveran en hospitais de campaña “facendo o imposible por darlles aos doentes unha atención digna e sufrindo unha presión insoportabel”.
Ao xuizo dos profesionais, que o presidente Feijóo despedise á anterior conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, para poñer no seu posto a Jesús Vázquez Almuíña, só foi para non verse salpicado pola xestión que él mesmo apoiou e que fíxo que se incrementaran as listas de espera, que os enfermos teñan que pagar por estar enfermos, que os medios para atender aos pacientes sexan “mexerentos” e que por culpa da mesma “haxa xa mortes”.
“Isto só é unha operación de maquillxe porque Almuiña, ainda que tivese toda a boa intención do mundo, non vai poder decidir ningún cambio real na política deseñada por PP e por Feijóo de desmantelamento da Sanidade Pública para que quede como a sanidade dos pobres”.