Segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), este luns empezou a funcionar no Hospital Álvaro Cunqueiro a nova Resonancia Magnética Dixital de alto campo, logo de completar os procesos técnicos de calibración. Esto supón que o camión aparcado no exterior do hospital, no que os pasados tres meses e ata o de agora estábanse facendo as resonancias, xa non está no mesmo.
Este novo equipamento, emprazado na Área de Diagnóstico por Imaxe, no bloque técnico do centro, é de nova fabricación e procede de Holanda. Segundo sinala o Sergas, trátase dunha Resonancia Magnética Dixital de 3 teslas de forza magnética, das máis avanzadas que existen na actualidade no mundo, na que se investiron máis de 2 millóns de euros, e que permitirá realizar os estudos máis innovadores neste eido, “de feito, en España só existen tres equipamentos destas características”.
Nos próximos días, salienta o Servizo Galego de Saúde, tamén quedará operativo outro equipo de Resonancia de alta resolución, procedente do Hospital Xeral, que seguirá realizando no novo hospital a actividade que xa desenvolvía no antigo emprazamento.
Entre as características técnicas da nova Resonancia Magnética “cabe subliñar, como un dos maiores avances, que a súa sinal é dixital, situada na propia antena receptora xunto ao paciente. Ademais, toda a información transmítese por fibra óptica ata o ordenador principal, o que impide a degradación do sinal”.
Os equipos de RM de 3T, indica Sanidade, teñen unha maior resolución, e permiten obter imaxes de máis calidade en calquera órgano, nun tempo menor e coa máxima confianza diagnóstica, conseguindo así un diagnóstico aínda máis preciso e eficiente.
Isto significa unha achega inestimable para a detección precoz de múltiples patoloxías, especialmente en pacientes oncolóxicos e neurolóxicos. Neste senso, cómpre salientar que un diagnóstico máis preciso posibilita un tratamento máis axeitado e individualizado, o que conleva maiores beneficios para o paciente.
Outra das vantaxes do novo equipamento é a maior resolución nas técnicas de RM funcional avanzadas, que permiten o estudo das características metabólicas ou celulares dos tecidos “in vivo”, conseguíndose diagnóstico moi precoces dalgunhas patoloxías.
O desenvolvemento actual da tecnoloxía tamén permite que a curva de aprendizaxe destes equipos para técnicos e radiólogos sexa mínima, xa que o seu manexo é doado e non presenta excesivas diferencias cos actuais.