Dentro do programa integrado ‘Depoemprega 2015’, promovido pola Deputación de Pontevedra, terá lugar, o vindeiro 23 de novembro na sede de Vigo da institución provincial e o 24 de novembro no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, o “Taller de actitudes e habilidades sociais para a busca de emprego hoxe. Esta actividade, dirixida ás persoas beneficiarias do programa Depoemprega 2015 dos concellos de Bueu, Cangas, Ponteareas, Tui, O Grove, Vilagarcía de Arousa e A Estrada, será impartida por Pedro Rodríguez e ten por obxectivo impulsar a formación transversal de cara a dotar de ferramentas e habilidades sociais para facer unha busca de emprego eficaz.
Esta primeira actuación ten por obxectivo mellorar a empregabilidade e poder alcanzar o obxectivo final do programa, que é a inserción laboral de, a lo menos, un total de 50 persoas. Para elo, coa finalidade de adaptar as accións ás características individuais das persoas seleccionadas, o equipo técnico do programa está a traballar no deseño dos itinerarios personalizados de inserción, despois de manter entrevistas individuais con cada un das persoas beneficiarias.
O pasado mes de setembro púxose en funcionamento o Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local que aglutina accións de formación e inserción laboral coa finalidade de paliar as necesidades das persoas máis vulnerables de cara a integración sociolaboral e loitar contra a exclusión social.
Ademais do programa “Depoemprega 2015”, iniciado o pasado mes de outubro e con remate previsto para agosto de 2016, o Servizo de Emprego da Deputación de Pontevedra está a levar a cabo as actividades propias dos técnicos de emprego así como a organizar o programa Erasmus+ “Practicum Depo 2015” e un obradoiro de emprego na especialidade de atención sociosanitaria dirixido a mozas e mozos menores de 25.