A Biblioteca Universitaria inicia este sábado unha nova campaña de apertura especial para facilitar ao alumnado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre. O novo horario manterase ata o vindeiro 19 de xaneiro e inclúe a apertura de fin de semana e a nocturna.
Durante as fins de semana, agás a dos días 26 e 27 de decembro, as bibliotecas de Torrecedeira, Central de Ourense e Central de Pontevedra manterán as súas portas abertas de 8 a 22 horas. Neste horario tamén se inclúen os días festivos 8 de decembro e 6 de xaneiro. Nas mesmas datas, aínda que de 9 a 21 horas, abrirá tamén a Biblioteca Central do campus de Vigo.
Ao igual que en anos anteriores, as bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra e a de Torrecedeira tamén estarán abertas polas noites ata as 3 da madrugada. O horario nocturno abranguerá do 7 ao 18 de decembro, agás o festivo do 8 de decembro, e do 7 ao 19 de xaneiro.