A Deputación de Pontevedra abriu o prazo para que os concellos da provincia se inscriban no ‘Plan de Práctica Laboral 2016’, dirixido a titulados universitarios e de formación profesional sen experiencia previa. O plan contempla a convocatoria de 166 bolsas para que os estudantes completen a súa formación académica nas entidades municipais, en áreas de coñecemento e actividades que faciliten a súa futura incorporación ao mercado de traballo.
As pŕacticas desenvolveranse durante un período de seis meses, prorrogables por outros seis, e inclúen unha remuneración mensual aproximada de entre 700 ou 800 €. Os concellos de ata 10.000 habitantes poderán solicitar dúas prazas de bolseiros e aqueles cunha poboación comprendida entre 10.001 e 50.000 habitantes teñen asignados catro bolseiros.
Os concellos que desexen participar no programa de prácticas teñen de prazo ata o 12 de decembro para inscribirse a través da páxina web da Deputación de Pontevedra . Entre outros requisitos, deberán presentar un programa formativo e identificar o persoal técnico da entidade que actuará como titor.
A Deputación asume o financiamento do plan, a distribución e asignación das bolsas entre os concellos solicitantes, a selección dos aspirantes, a adxudicación das bolsas, o pagamento da axuda ou subvención correspondente aos bolseiros e, asemade, a cotización á Seguridade Social.
O Plan de práctica laboral nos concellos da Deputación de Pontevedra segue as recomendacións da Unión Europea en materia de emprego xuvenil na que se require a participación de todas as institucións, públicas e privadas, para mellorar a situación laboral da mocidade.