O equipo veterinario de VigoZoo tivo que practicarlle este luns pola mañá a eutanasia á tigresa Duches, afectada por un cancro.
Hai uns tres meses, a tigresa foi trasladada ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, en Lugo, onde foi operada, se lle extirpou un tumor na pel e descartouse a metástase mediante un TAC.
Desde entón, xa en VigoZoo, Duches estivo a tratamento con quimioterapia e baixo supervisión veterinaria. Nas últimas seis semanas, a felina comezou a perder peso paulatinamente, nos últimos dez días deixou de alimentarse ata chegar a pesar unha terceira parte do que lle correspondería a unha tigresa das súas características.
O equipo técnico de VigoZoo valorou que a situación de Duches era irreversible e, despois de ter feito todo o posible pola súa recuperación, decidiron aplicarlle a eutanasia para evitar sufrimentos innecesarios ao animal.
Unha vez explorada, atopóuselle unha úlcera gástrica que está a ser analizada para determinar a súa causa.