As empresas Situm e Imatia recibiron hoxe os galardóns que as distinguen coma gañadoras dos ‘Premios Galicia Spin-off’-convocados polo portal vigués Gciencia, e o Banco Pastor– nas categorías Idea Emerxente e Selo de Calidade, respectivamente. O acto de entrega de premios tivo lugar na sede da Fundación Barrié da Coruña e ao mesmo asistiron, entre outras autoridades, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias. Representantes das universidades galegas, do mundo empresarial e da cultura tamén asistiron ao acto.
A empresa de biotecnoloxía Celtalga recibiu tamén unha distinción ao resultar finalista na categoría Idea Emerxente. Os premios teñen como obxectivo distinguir as spin-offs galegas máis senlleiras pola súa traxectoria (Selo de Calidade) e pola posta en marcha de ideas innovadoras (Idea Emerxente).
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apuntou que as empresas innovadoras, coma as recoñecidas nestes premios, teñen como distintivo a aposta pola internacionalización e suliñou as propostas innovadoras realizadas por Situm e Celtalga e a traxectoria de excelencia de Imatia.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, pechou ás intervencións resaltando a necesidade das institucións de realizar unha aposta pola educación e pediu que as leis permitan ás administracións apoiar a formación e o emprendemento. Destacou a labor realizada polos investigadores e reclamou accións para evitar que teñan que emigrar a outros países.
Ao acto, celebrado na sede da fundación Barrié da Coruña, asistiron tamén o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, o vicerreitor da Universidade de Santiago, Xosé Pereira, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Angel Ríos, ou coordinador do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara.
Imatia, a empresa gañadora no apartado Selo de Calidade, é unha spin-off xurdida na Universidade de Vigo e especializada no desenvolvemento rápido de software innovador para empresas e administración públicas. O seu obxectivo estratéxico é a comercialización de produtos de software, o que fai a través das marcas Ontimize, Cividas e Elastic. Entre os méritos para a concesión do premio, atópase a súa traxectoria de excelencia ao longo de dez anos, nos que acadou fitos coma vender os seus productos nos países máis avanzados do mundo (EE.UU., Canadá, Reino Unido, Holanda) e situarse como provedor de empresas punteiras coma Inditex, BNP Paribas ou ADIF. Imatia conta actualmente cunha plantilla de 71 traballadores (moitos deles titulados nalgunha das tres universidades galegas) e prevé uns ingresos neste ano superiores aos 3,5 millóns de euros. Coma gañadora do premio Galicia Spin-off no apartado Selo de Calidade, Imatia recibiu unha oferta de financiamento por parte do Banco Pastor e unha peza escultórica exclusiva.
Situm Technologies, spin-off da Universidade de Santiago, adícase ao desenvolvemento e comercialización da súa propia tecnoloxía de localización en interiores para smartphones. Situm desenvolveu unha das tecnoloxías máis precisas no mercado LBS, baseada nos coñecementos adquiridos polos promotores da empresa durante a súa etapa investigadora. Aínda que Situm so conta con algo máis dun ano de vida, a súa tecnoloxía implantouse xa en máis de 30 edificios espallados por diversas partes do mundo (Galicia, Madrid, Barcelona, EE.UU., Xapón e Colombia). O seu produto principal, Situm RTLS, é unha plataforma de localización en interiores para teléfonos intelixentes. O premio recebido ao resultar gañadora no apartado Idea Emerxente, consiste en 2.000€ en metálico, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento do Banco Pastor.
Pola súa banda, Celtalga Extract adícase a produción de extractos acuosos de macro algas procedentes das costas galegas. Os produtos obtidos aplícanse de xeito prioritario no sector cosméticos, aínda que tamén poderían utilizarse noutros campos coma a alimentación e a agricultura. As ventas da empresa acadarán os 250.000 € en 2016. Coma finalista no apartado de Idea Emerxente, Celtalga recibiu unha peza física de deseño exclusivo.