A Asociación Veciñal de Teis, presentou catro alegacións aos orzamentos municipais de 2016, que se someteron a información pública até o pasado sábado 28 de novembro. As alegacións suporía a creación de catro novas partidas nos orzamentos municipais por un importe de 730.000 €
As catro novas partidas sería destinadas para cubrir necesidades do barrio, que “dende a asociación temos demandado destes fai anos ao actual goberno municipal”.
Estas serían: Mellora da rede de abastecemento en Teis, de 250.000 €, retraendo esa cantidade da partida número 4320-2279902 , “promoción turística destinos rotas aéreas Ryanair” ficando esta partida de 1.080.000,00 euros en 830.000 €; Construción de beirarrúas en Teis, de 300.000 €, retraendo esta cantidade da partida número: 4320-2279901, promoción turística Air Nostrum” ficando esta partida de 1.076.900€ en 776.900; Construción parque infantil en Teis ” de 125.000€, retraendo esta cantidade da partida número: 9121-2260201, ” difusión e promoción da cidade ” ficando esta partida de 185.000€ en 60.000; Convenio A.V. de Teis-centro cívico ” dun importe de 55.000€ e retraer esta cantidade da partida número 9120-2279902 “convenios “, do orzamento de 2016, ficando esta partida de 125.000€ coa contía de 70.000.
Mellora da rede de abastecemento en Teis
Nos últimos anos a asociación iniciou unha campaña de denuncia do mal estado de conservación da rede de abastecemento e saneamento, debido as continuas roturas especialmente das tubaxes de abastecemento de auga. “Esta situación non se produce en todas as rúas do barrio, pero si nun número importante de xeito constante, que o Concello e a empresa concesionaria Aqualia, coñecen”. Segundo a Asociación Veciñal, as rúas que necesitan con urxencia renovar a rede de abastecemento son Avenida de Galicia, Subida a Ponte, rúa Gerardo Campos Ramos, rúa da Campa, rúa Purificación Saavedra e travesías da rúa Espiñeiro. “Polo que entendemos que debe incluírse unha nova partida de mellora da rede de abastecemento de auga, que permita a substitución das tubaxes actuais, por un importe de 250.000€”.
Construción de beirarrúas en Teis
No barrio de Teis, “podemos aínda observar como hai rúas que carecen dunha simple beirarrúa. Esta situación provoca perigo para a veciñanza que vive ou pasa por estas rúas, pois son rúas moi transitadas”. Esta asociación xa ten solicitado a este goberno municipal, a necesidade de construír beirarrúas nestas rúas. Aquelas nas que sería máis urxente actuar son a rúa da Oliveira, rúa Gerardo Campos Ramos, camiño de Foxos e a rúa Roris. “Polo que entendemos que debe incluírse unha nova partida de construción de beirarrúas en Teis, por un importe de 300.000€”.
Parques infantís
Desde fai anos “vimos denunciando que os parques infantís existentes son insuficientes para atender as necesidades das familias do barrio”. Esta asociación incluso ten sinalado terreos municipais abandonados que poderían destinarse como parque infantil. “Entendemos que debe incluírse unha nova partida de construción dun parque infantil en Teis, por un importe de 125.000€”
Xestión veciñal do Centro Cívico
Este convenio figurou en orzamentos anteriores con diferentes gobernos municipais desde a apertura do Centro Cívico de Teis en 2002 até 2013.
“Debemos sinalar que é o único centro cívico dos catro cos que conta o Concello, no que a xestión é a través dunha asociación veciñal e polo tanto dunha entidade sen animo de lucro. Ademais, o nivel de actividade deste centro coa xestión da asociación, era moi superior a calquera dos outros centros cívicos xestionados a través dunha empresa concesionaria. Si algo caracteriza a un centro cívico é a participación veciñal na súa xestión”.