Cultura

A Deputación pon en marcha a Escola Provincial Pública de formación en igualdade ‘María Vinyals’

A presidenta da Deputación, este xoves durante a presentación
A presidenta da Deputación, este xoves durante a presentación

Esta escola, a primeira da provincia de Pontevedra, leva o nome da Marquesa de Ayerbe, pioneira do feminismo galego, e situarase no Castelo de Soutomaior, propiedade e residencia de María Vinyals

A “aposta pola igualdade efectiva de mulleres e homes é unha cuestión prioritaria para o novo goberno da Deputación de Pontevedra. Para que a igualdade sexa real e efectiva, a formación é imprescindible porque constitúe un activo fundamental para as mulleres, para as empresas e para a sociedade no seu conxunto”. Neste eido, a presidenta do organismo provincial anunciou a posta en marcha da Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals.

María Vinyals, Marquesa de Ayerbe foi, en palabras de Carmela Silva, “unha das propietarias e moradoras do Castelo de Soutomaior pero, sobre todo, unha das pioneiras do feminismo galego, nomeada académica da Real Academia Galega no ano 1906, firme defensora dos dereitos das mulleres e así reclamaba, igual que o facemos hoxe, a formación, a igualdade xurídica entre mulleres e homes, solicitaba o voto feminino así como que as mulleres ocupasen o posto que merecían na sociedade. Pero tamén era unha vangardista, xa que nun momento no que a sociedade rexeitaba ás mulleres creadoras, María Vinyals dedicábase ás artes, ás letras, escribía para revistas estranxeiras, e participaba activamente en faladoiros dos cafés madrileños que, naquela época, estaban reservados ós homes. Por todo elo, parécenos que elixir a esta gran muller é a mellor opción para nomear á Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade”.

A Escola Provincial Pública de Formación en Igualdade María Vinyals nace, tal e como informou Carmela Silva, “co obxectivo de crear un espazo no que ademais de impartir formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade, sexa un lugar de encontro e intercambio de saber para as e os profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e impulsando o coñecemento do que significa a igualdade efectiva de oportunidades entre mulleres e homes dende unha perspectiva transversal, integrándoa non só no coñecemento profesional senón tamén no enriquecemento persoal”.

A escola está destinada ó persoal que desenvolve a súa labor profesional na provincia de Pontevedra, aínda que reservando un 20% de prazas a persoas desempregadas. Así, para o ano 2016 está a programar unha serie de seminarios, accións formativas, congresos, charlas, etc. enfocada a tres colectivos:

Escola de profesionais contra a violencia de xénero: Neste eido, trátase de darlle cobertura ás demandas formativas das e dos profesionais que traballan contra a violencia machista en cada un dos 62 concellos da provincia, impulsando a súa especialización na atención ás mulleres vítimas, así como no desenrolo de accións na loita contra a violencia machista.

Silva lembrou que “onte mesmo morreu outra muller vítima da violencia machista e xa van 53 mulleres asasinadas no 2015, polo que, ademais dos actos de repulsa e os minutos de silencio para visualizar que estamos en contra, hai que pasar á acción. A través desta escola pretendemos dar un paso adiante e crear unha estrutura que permita dar unha atención adecuada ás vítimas da violencia machista”.

Escola do persoal da administración local: En concreto preténdese proporcionar formación, entre outras cuestións, para o uso da linguaxe inclusiva entre o persoal da Deputación de Pontevedra e dos 62 concellos da provincia. Neste contexto, Carmela Silva destacou que “a linguaxe é un instrumento para crear pensamento, conviccións e formas de entender e relacionarse no mundo polo que é fundamental fomentar a linguaxe non sexista”.

Escola de electas: é a primeira escola para mulleres electas da provincia de Pontevedra e ata diría que de Galicia, unha iniciativa que xa está en funcionamento noutras provincias e comunidades autónomas como o País Vasco. Esta escola pretende proporcionar unha oferta formativa de calidade en materia de xestión pública en igualdade para concelleiras, alcaldesas, deputadas, senadoras ou presidentas, pero tamén crear unha rede na que teñan cabida tódalas mulleres electas da provincia, independentemente da súa afiliación política, para reflexionar sobre a súa práctica, compartir experiencias e impulsar a posta en marcha de políticas públicas desde a perspectiva de xénero, para lograr, en definitiva construír unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes.

También te puede interesar