Galicia Sucesos

Gardacostas requisan máis de 700 quilos de peixe e marisco e 100 útiles de pesca en diversos controis contra o furtivismo

FurtivismoAxentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 700 quilos de peixe e marisco, 100 aparellos de pesca e 1.000 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados polo litoral galego e en diferentes lonxas e portos durante os últimos días. A Consellería do Mar realiza estes controis para vixiar a extracción ilegal de cara ás festas de Nadal.

Na área da ría de Vigo, os Gardacostas requisaron 116 quilos de marisco e peixe e 22 aparellos. A actuación de maior relevancia foi realizada en colaboración coa Garda Civil de Moaña, en Domaio e nela os axentes comisaron 115 quilos de vieira, extraída de forma ilegal, xa que a súa extracción está prohibida na ría de Vigo, e incautaron unha embarcación e un vehículo nos que se transportaba o produto.

Por outra banda, na área da ría de Pontevedra os axentes aprehenderon máis de 370 quilos de marisco, 39 útiles de pesca e 500 metros de trasmallos (arte de enmalle). A actuación máis destacada foi na lonxa de Campelo, onde requisaron 350 quilos de ameixa xapónica que excedían o cupo e máis de 5 quilos de ostra de talla antirregulamentaria.

Na ría de Arousa os gardacostas comisaron 5 quilos de centola, 4 de ameixa xapónica e 500 metros de miños (arte de enmalle) sen identificar. Ademais os controis realizados na área da ría de Muros e Noia deron como resultado o comiso de 142 quilos de ameixa de talla antirregulamentaria e 32 nasas de madeira sen identificar e na Costa da Morte requisaron preto de 50 quilos de marisco, a maioría percebe, e 2 aparellos de pesca.

En A Coruña aprehendéronse de 25 quilos de peixe e marisco 3 útiles de pesca e na ría de Cedeira preto de 2 quilos de robaliza e 2 palangrillos sen identificar, un de 230 anzois e outro de 108 anzois.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.

También te puede interesar