O conselleiro de Sanidade e a presidenta da Asociación para a loita contra as enfermidades do ril (ALCER) de Pontevedra, Antonia Hernández Cerviño, asinaron este sábado en Vigo un acordo de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e ALCER para facilitar aos pacientes que reciban tratamento de hemodiálise, consulta ou proba diagnóstica programada neste centro hospitalario da rede do Sergas, o estacionamento no aparcadoiro do recinto hospitalario, xestionado pola empresa concesionaria do mesmo.
As accións a desenvolver oriéntase en tres liñas fundamentais, unha primeira de emisión de bonos/tarxetas de aparcamento asignados aos vehículos utilizados polos pacientes ou os seus familiares/acompañantes, dos previstos e cos prezos recollidos para cinco ou dez días, que permitan a utilización dos mesmos en días non sucesivos, sen caducidade temporal.
A solicitude dos bonos/tarxeta poderá realizarse directamente a través de ALCER ou a través do servizo correspondente do Hospital Álvaro Cunqueiro, mediante formulario. Unha vez cumprimentado, presentarase no aparcadoiro aos efectos da súa expedición.
Unha segunda liña, de habilitación dun espazo no aparcadoiro para cinco vehículos que será xestionado pola asociación ALCER, sen custe para a mesma, para o uso de pacientes ou os seus familiares/acompañantes.
Para o uso destes espazos, que serán empregados exclusivamente nas quendas de hemodiálise, deberá dispoñerse da pertinente autorización de ALCER, autorización que deberá estar en lugar visible dende o exterior do vehículo. No seu caso, poderá solicitarse a presentación da tarxeta de acceso, que sería facilitada dende o Sergas, se a habilitación do espazo de aparcadoiro así o aconsellase.
A terceira liña, oriéntase ao establecemento das medidas precisas para facilitar o acceso destes pacientes ao aparcadoiro en circunstancias excepcionais, como pode ser no caso de desprazamentos imprevistos, de xeito que a formalización dos trámites indicados anteriormente non impida ou dificulte este.