O 061 asistiu durante a fin de semana a un total de 51 persoas debido a 34 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres, 22 de xaneiro ata as 12 menos un minuto da noite deste domingo. O día da fin de semana que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 17 accidentes.
A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 45 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 34 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 51 persoas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 46. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a catro sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 40 ocasións e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria nun sinistro. As ambulancias convencionais mobilizáronse nunha ocasión.
En 44 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e unha persoa faleceu no punto do sinistro.