A Deputación de Pontevedra, coa finalidade de impulsar a mobilidade do alumnado e persoal de formación profesional por motivos de aprendizaxe, presenta o proxecto “Practicum Depo 2016” á nova convocatoria do programa Erasmus + 2016. Mediante esta actuación, a institución provincial solicitará 684.939 € para que 116 alumnas e alumnos, maiores de 18 anos, poidan realizar as súas prácticas durante 6 meses en 7 países da Unión Europea.
O proxecto “Practicum Depo 2016” iniciarase o 1 de xuño de 2016 e extenderase durante 24 meses. Os principais obxectivos que pretende impulsar a Deputación de Pontevedra a través do mesmo son o impulso da capacidade de xestión e organización dos centros, a internacionalización do alumnado e profesorado, mellorar as competencias lingüísticas e a comunicación de tituladas e titulados e docentes, propiciar o contacto con empresas a nivel internacional e nacional, promover a inclusión do alumnado no mundo laboral, xerar mobilidade e promover o intercambio de profesionais entre os países do Unión Europea.
En total, solicitaron a súa participación no proxecto 29 centros educativos de 18 concellos da provincia de Pontevedra entre os que se atopan A Illa de Arousa (Instituto Galego de Formación en Acuicultura IGAFA), As Neves (Asociación EFA A Cancela), Cambados (IES Ramón Cabanillas), Cangas (IES de Rodeira), Gondomar (IES Plurilingüe Terra de Turonio) Lalín (IES Ramón Mª Aller Ulloa e IES Laxeiro), Marín (IES Chan do Monte), Moaña (IES Plurilingüe A Paralaia), Ponteareas (Centro Integrado de Formación Profesional A Granxa e IES Pedra da Auga), Pontevedra (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, IES Luis Seoane, IES Montecelo e IES Xunqueira I), Redondela (IES Chapela), Salvaterra do Miño (IES de Salvaterra do Miño), Sanxenxo (IES Vilalonga), Silleda (IES Pintor Colmeiro),Tomiño (IES de Tomiño), Vigo (Centro de Artes Plásticas e Deseño Atlántico, Centro de Formación Divino Maestro, CPR Daniel Castelao, IES A Guía, IES Politécnico, Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, IES Ricardo Mella e CPR San Miguel) e Vila de Cruces (IES Marco de Camballón).
Destes 29 centros educativos de formación profesional de Pontevedra a Deputación ofertará a 116 mozas e mozos, con idades superiores a 18 anos, titulados nun ciclo de formación profesional de Grao Medio a posibilidade de realizar prácticas laborais durante 6 meses en empresas e institucións europeas pertencentes a Italia (30 bolsas), Reino Unido (25), Irlanda (20), Países Baixos (15), Malta (10), Portugal (10) e Finlandia (6). Os participantes deberán regresar das súas mobilidades antes de que transcorran 12 meses desde a data oficial da obtención da súa titulación.
Como novidade principal, este ano a Deputación de Pontevedra contempla a mobilidade de 5 profesores que realizarán un ‘job shadowing’ en centros de formación semellantes ós centros integrados de formación profesional de Galicia, coa finalidade de aprender os métodos didácticos que se empregan en países como Irlanda, Malta, Italia, Alemaña e Finlandia.