
A Axencia Galega de Infraestruturas reabriu esta mañá ao tráfico o treito do Corredor do Morrazo (CG 4.1) afectado polo forte temporal de chuvias da pasada fin de semana, entre os puntos quilométricos 0 e 3 do, en sentido Cangas. Actualmente mantense pechado ao tráfico o carril de vehículos lentos desde o punto quilométrico 1 ata o 1+800.
Este treito do Corredor do Morrazo foi pechado ao tráfico o pasado venres pola noite para garantir a seguridade na circulación, xa que a vía se viu afectada polo desprendemento dun noiro por mor das fortes chuvias. Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) traballaron durante todo o fin de semana para resolver este problema o antes posible.
A reapertura ao tráfico realízase logo de adoptar todas as medias necesarias para garantir a seguridade na circulación, entre elas a colocación dunha barreira de formigón na base do noiro, e a zona afectada manterase vixiada, mentres se traballa nas medidas para a solución definitiva da incidencia.