Galicia

391 millóns de euros do Fondo Social Europeo para a creación de 100.000 empregos e recortar o abandono escolar en Galicia ata 2020

paro1O Goberno de Galicia presentou este martes o programa operativo do Fondo Social Europeo (FSE) 2014-2020, que contará cunha dotación de 391 millóns de euros e que terá como obxectivos a consecución de 100.000 novos empregos e de máis calidade, a redución igualmente en 100.000 persoas da poboación en risco de exclusión social e un significativo recorte da taxa de abandono escolar.

Segundo o conselleiro de Facenda, o 80% do investimento do Fondo Social Europeo vaise concentrar en áreas como a promoción do autoemprego, a inclusión activa ou a mellora dos sistemas de educación e formación para aumentar a súa relación co mercado laboral.

Así, indicou que a prioridade do Goberno galego é “crear máis e mellor emprego”, e para conseguilo cóntase con ferramentas como un Plan Estratéxico, no que se definiron os obxectivos de país ata 2020; o novo Fondo Social Europeo, con preto de 400 millóns de euros, e un marco de estabilidade institucional e política que supón unha vantaxe para Galicia, “porque a estabilidade crea emprego”, sinalou o conselleiro.

No que se refire ao obxectivo de conseguir mais emprego e de máis calidade, falou da creación de 100.000 novos postos de traballo, ata baixar a taxa de paro ao 10%, e de reducir a taxa de abandono escolar en 3,5 puntos, promocionando a formación profesional e o talento investigador.

Máis de 750.000 galegos chegaron a beneficiarse das actuacións cofinanciadas no marco do programa operativo do FSE 2007-2013. Entre as actuacións destacan as destinadas á empregabilidade, igualdade, inclusión social e fomento do espírito empresarial.

 

También te puede interesar